Case 30 turistas mortos en Madeira

1 minutes read

A illa portuguesa de Madeira está de loito despois da morte de 29 turistas alemáns nun accidente de autobús. O vehículo saíuse da estrada nunha curva e precipitouse unha decena de metros por un outeiro. O accidente, cuxas razóns aínda se investigan, podería estar relacionado cun fallo nos freos. Produciuse nunha estrada secundaria preto da localidade de Caniço, situada entre as cidades de Funchal, a capital rexional, e a de Santa Cruz, máis ao leste. O grupo de turistas, que compraron a súa viaxe na mesma axencia alemá, acababa de deixar o hotel Quinta Splendida, onde estaban aloxados, para ir cear a Funchal, indicou á axencia de noticias AFP unha empregada do hotel. No accidente morreron 11 homes e 18 mulleres de nacionalidade alemá, a maioría deles de entre 40 e 50 anos, segundo as autoridades locais. A fiscalía de Madeira abriu unha investigación, mentres o vicepresidente do goberno rexional, Pedro Calado, considerou “prematuro” adiantar as causas do accidente, pois o autobús tiña cinco anos e acababa de ser obxecto de inspección. Segundo o último parte ofrecido polo Hospital de Funchal, dos 27 feridos, entre os que se atopan o condutor e a guía turística, ambos portugueses, 23 están en observación, dúas están na unidade de coidados intensivos e outros dous xa recibiron o alta.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?