Case a metade das multas efectuadas polos radares da DXT rexístranse en tan só 50

Radar na AP-7_Fonte: aeaclub.org

  • Os radares da DXT formularon case tres millóns de denuncias en 2019

Só 50 radares, dos preto de 1.000 que ten Tráfico despregados polas estradas españolas, acumularon o 41,5% das multas.

Durante o ano 2019, os radares da DXT formularon 2.933.089 denuncias por exceso de velocidade. Iso supón un incremento do 13,3% sobre as realizadas no mesmo período do ano anterior (2.588.125), segundo revela un estudo realizado por Automobilistas Europeos Asociados (AEA).

Por comunidades autónomas, os radares máis activos localizáronse en Andalucía, con 680.583 denuncias formuladas e que representan o 23,2% do total; en Madrid, con 373.078 denuncias (12,7%) e na Comunidade Valenciana, con 335.953 (11,4%). Pola contra, os radares situados na Rioxa (39.024), Cantabria (40.147) e Navarra (48.447) son os que menos denuncias contabilizaron.

A AEA sinala que o radar máis activo de España atópase situado no km. 478,1 da AP-7, á altura de Sagunto (Valencia), cun récord de 59.428 denuncias, o que supón un incremento na súa actividade dun 1.300% respecto do mesmo período do ano anterior.

Á vista do importante número de denuncias formuladas maioritariamente en autoestradas e autovías, e non nas estradas secundarias onde se producen o 70% dos accidentes con vítimas, o presidente de AEA, Mario Arnaldo, considera que «a DXT debería reformularse a súa política de radares, xa que non se está conseguindo o obxectivo de evitar os excesos de velocidade, nin os accidentes, convertendo os radares en meros instrumentos de recadación».