- Habilitarase un dispositivo especial de tráfico durante o percorrido da proba que partirá dende o Obelisco ata a rotonda das Ánimas, no dique de abrigo
Case dous mil deportistas, o mesmo número que en anos anteriores, participarán este domingo no Medio Maratón C21, que se desenvolverá dende as 10.00 ata as 12.30 horas. Unha carreira que pretende visibilizar ademais o compromiso do Concello coa loita contra as enfermidades raras e coas accións pola paz no mundo.
O percorrido da proba, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, partirá dende o Obelisco ata a Dársena de Oza e dende alí ata a rotonda das Ánimas, no dique de abrigo.
A carreira estará libre de tráfico e o espazo quedará acoutado con valados, polo que os únicos vehículos que poderán circular serán os designados pola organización; deste xeito e mentres dure a proba non se poderá circular polo Cantón Grande, Cantón Pequeno, praza de Mina, praza de Ourense, Sánchez Bregua, Primo de Rivera, praza da Palloza, avda. do Exército e Estrada do Porto ata a rotonda de Oza. Tamén permanecerá libre de tráfico o tramo dende o Obelisco ata os Pelamios, avda. de Montoto, da Mariña, Porta Real e Paseo Marítimo ata a Escola de Pablo Picasso.
Neste medio maratón, como ocorreu na Carreira Popular Coruña C10 no pasado mes de outubro, fíxose unha modificación do regulamento da proba co fin de permitir a presenza na carreira de menores con discapacidade en cadeira de rodas. Con este cambio, tanto o Concello da Coruña como a Federación Galega de Atletismo pretenden dar un paso mais na inclusión das persoas con diversidade funcional nos eventos deportivos municipais.
Aposta polo medio ambiente. A Concellería de Deportes fai unha aposta forte polo coidado do medio con medidas como a utilización de dorsais fabricados con papel reciclado e nos que vai unha semente para plantar posteriormente. Ademais, as medallas Finisher, que se lles darán a todas aquelas persoas que cheguen á meta, están feitas en madeira.