- O goberno municipal traballa agora nun próximo proxecto para acondicionar o edificio da antiga escola
Este mércores o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, puideron comprobar que as obras están practicamente rematadas, pendentes da instalación dunha varanda de madeira para protexer o desnivel coa pista, da plantación da zona verde e doutros pequenos detalles. Deste xeito, a próxima festa xa poderá celebrarse nese renovado espazo, no que o concello está a investir case 100.000 euros.
O proxecto, executado pola empresa Construcciones Vázquez y Reino, incluíu a demolición dos muros exteriores, do palco da música, da beirarrúa perimetral e das escaleiras de acceso, ademais da limpeza e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente.
A actuación tamén incluíu a construción dunha rampla de acceso á antiga escola, que se completará cunha varanda de aceiro inoxidable. Pero o goberno municipal quere seguir mellorando ese espazo público, e por iso os servizos técnicos traballan xa nun novo proxecto para acondicionar o edificio.