O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as relacións definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de policía local. Un total de 986 persoas resultaron admitidas, segundo a listaxe publicada na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Participarán nos primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 89 prazas de policía local en 24 concellos da comunidade que se realizarán no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, o próximo 23 de setembro. Dos 24 municipios que ofertan 89 prazas a través desta convocatoria, a meirande parte son da provincia da Coruña, con A Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos municipios de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.
32