- O Concello organizou visitas guiadas para descubrir aos usuarios algúns dos puntos máis emblemáticos do municipio
A Semana Santa congregou a case un milleiro de persoas en Vimianzo grazas ás visitas guiadas polo Castelo da vila, os Batáns do Mosquetín e o Castro das Barreiras. En concreto, 959 persoas decidiron participar nesta iniciativa municipal sen contabilizar as que botaron man do itinerario de libre asistencia baixo a denominación ‘Cantos séculos podes percorrer nun día?’.
Ademais, o goberno local puxera en marcha un mapa, apoiándose na conta municipal de Wikiloc e nas audioguías de vimianzo.mobi., para mostrar os principais puntos a visitar do municipio como os penedos de Pasarela e Traba, a ruta dos Dolmens, o porto de Cereixo, o Castelo de Vimianzo, o vieiro Fidalgo, Monte Torán ou as fervenzas de Cambeda.
Desde o Concello agradecen esta participación dos usuarios e, sobre todo, o comportamento «exemplar” con respecto ao coidado da contorna e a adopción das medidas sanitarias pertinentes.