Caso omiso á maioría das denuncias por exceso de maleza ou risco de incendio en Carballo

Solar con maleza no centro de Carballo, recentemente limpado.

Carballo é un dos concellos galegos considerados pola Xunta como de alto risco de incendios, un risco que se concentra na parroquia de San Xoán Bautista debido á proliferación de lumes na periferia urbana. A extensión dos lumes é moi reducida, pero é a súa reiteración a que sitúa todo o territorio municipal nesa listaxe.

O Concello realizou nos seis primeiros meses deste ano 138 inspeccións de parcelas a raíz de denuncias por incumprimento ou ben da Ordenanza municipal de limpeza, salubridade e hixiene ou ben da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Dende principios do 2020 a cifra elévase a 577, na maioría dos casos a raíz de denuncias presentadas pola veciñanza. Das denuncias tramitadas pola autoridade municipal, foron menos do 30% as que prestaron atención ao requirimento de roza ou limpeza, polo que o resto seguen o seu trámite administrativo correspondente.

Cabe lembrar que as persoas propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou titulares das parcelas son as responsables de mantelas limpas antes do 31 de marzo de cada ano. De non ser así, a Consellería do Medio Rural ou o Concello, segundo os casos, notifica ás persoas titulares das parcelas a obriga de comezar a limpeza nun prazo máximo de 15 días. No caso de que se incumpra ese prazo, o organismo competente poderá ordenar os traballos de limpeza repercutindo os gastos na propiedade.

Solar en amplo estado de abandono xunto a unha área comercial de Carballo.

O procedemento pode realizarse a través da Sede Electrónica do Concello de Carballo, tanto de maneira telemática como descargando o impreso de solicitude xeral e presentándoo en calquera dos rexistros municipais (Casa do Concello, Pazo da Cultura, Servizos Sociais, Fórum Carballo, Carballo Deporte e rexistro telemático).

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha