O único concello de Galicia que segue pendente de constituír a súa nova corporación tras as eleccións municipais do pasado mes de maio é o concello ourensán de Castro Caldelas (1.177 habitantes). Os resultados do 28M foron anulados pola Xunta Electoral debido a un problema coa custodia dos votos por correo e ordenouse a repetición dos comicios. A nova votación xa ten data, o próximo día 26 de novembro.
Nas eleccións do pasado mes de maio concorreron tres listas en Castro Caldelas, as mesmas que volverán competir polo voto o próximo 26 de novembro: PSOE, PP e BNG. Os resultados do 28M, posteriormente anulados, outorgáronlle a reelección á socialista Sara Inés Vega, con cinco dos nove concelleiros en disputa e 398 votos fronte aos 371 (e catro edís) que lograrían os populares, encabezados por César Enríquez, Cachín.
Así o comunicou o Goberno, que convocou para entón a celebración das novas eleccións en Castro Caldelas e noutros 43 municipios españois onde non se presentaron candidatos ou onde se produciron irregularidades no proceso, ningún dos demáis en Galicia. En todos os casos, a campaña electoral terá unha duración de quince días. Comezará na medianoite do venres 10 de novembro e finalizará o venres 24 de novembro.