Castroverde acollerá a formación a profesionais do sector agrario para a xestión da PAC


A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre aplicacións informáticas para a xestión da PAC. A acción formativa ten previsto desenvolverse o vindeiro luns 23 no salón de actos do CPI de Castroverde ao longo dunha xornada en horario de 15:45 a 20:45 horas.
O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Ao longo das cinco horas de duración desta acción formativa, instruirase aos alumnos na actualidade sobre a xestión da PAC e a súa condicionalidade, ademais da presentación das aplicacións informáticas relacionadas coa materia. Deste xeito, ensinarase o funcionamento das apps Sga@pp, Sgafot, InfoPAC, consultas PAC (que se encontra na web do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga-) e xestión información Sixpac.
Con esta programación, o obxectivo principal do curso é facer chegar aos titulares de explotacións agrarias a información precisa para que poidan anticiparse aos cambios tecnolóxicos que se precisan para xestionar as parcelas suxeitas ás axudas PAC, a súa condicionalidade e a subida de datos ás plataformas de xestión mediante apps específicas.