- Os plenos municipais aprobarán unha declaración institucional e a CMAT colaborará na iniciativa
Catorce concellos da Costa da Morte buscarán impulsar, a través dunha declaración institucional, que a comarca se sume á Reserva Local de Surf. A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Laxe e Vimianzo aprobarán nos seus plenos unha iniciativa para declarar a Costa da Morte como Reserva Local de Surf, un proxecto que será impulsado pola Deputación da Coruña e contará co apoio da CMAT.
Esta decisión tomouse despois da xuntanza que mantiveron este xoves os representantes dos concellos co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen anunciou que a Costa da Morte volverá presentar candidatura o vindeiro ano cunha aposta «máis forte, xa que pasamos a primeira proba e aprendemos dela». Nesta pasada edición a Costa da Morte chegou á fase final, pero a vencedora foi Playa Hermosa, en Costa Rica. «Agora temos que sumar máis apoios institucionais e sociais e defender o proxecto con todos os nosos recursos», destacou Regueira.
Na xuntanza, que se desenvolveu en Carballo, tamén participaron a xefa de servizo de Turismo, Maite Loureiro, o vicepresidente da asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT), José Manuel López Varela, e o embaixador da candidatura, David Blanco. López Varela tamén apostou por implicar as distintas administracións e valorou os proxectos que, coma este, abranguen todo o territorio «porque son bos para a comarca no seu conxunto».
Na declaración institucional os concellos manifestan o seu compromiso por velar pola identidade ecolóxica e natural de carácter medioambiental do territorio, a través da protección das ondas e os ecosistemas das praias; e defenderán a utilización do surf como unha ferramenta para acadar o desenvolvemento sostible dos concellos de costa que conforman a Costa da Morte.