Catro candidaturas galegas optan como finalistas aos XVI Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O cesteiro de Pazos de Borbén Álvaro M. Leiro opta ao Premio Nacional de Artesanía; o obradoiro de tecido Inés Rir&CO (Allariz) é finalista na categoría Produto; a cesteira Julia de la Cal (O Porriño) opta á categoría de Emprendemento e a Fundación Artesanía de Galicia –dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación– compite no Premio Promociona para Entidades Públicas.
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.
Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas. En total foron presentadas 66 candidaturas, sendo Galicia e Madrid as comunidades con maior representación, con 13 candidaturas cada unha.