Catro ciclistas accidentados este luns en diferentes puntos de Galicia


Un dos integrantes dun grupo de ciclistas resultou ferido de consideración ao sufrir unha caída cando o colectivo circulaba pola EP-6303, ao seu paso polo concello pontevedrés de Agolada.

O ferido tivo que ser evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a bordo do helicóptero medicalizado dos servizos sanitarios de urxencia.

O suceso produciuse ás 10:45 horas deste luns, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente para o ciclista, que caera mentres se desplazaba pola estrada que une Brantega a Toiriz. Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos profesionais sanitarios, que puxeron en marcha a aeronave con base en Santiago. Unha vez no lugar, o equipo médico tratou de atender ao ciclista e evacualo en helicóptero ao centro hospitalario de referencia.

Ademais, co obxectivo de prestar apoio ao equipo médico de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112 pediuse a colaboración dos Bombeiros do Deza, dos membros do GES de Lalín e tamén dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Outro ciclista ferido en Sarria
Non foi o único accidente destas características. Ás 11:15 horas da mañá, o 112 Galicia recibiu o aviso doutro ciclista ferido despois de caer cando se desprazaba pola Rúa do Camiño Francés, en Sarria (Lugo). Como consecuencia do golpe, o ferido tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti.

De igual modo, para colaborar co equipo médico, os xestores do 112 Galicia avisaron aos Bombeiros de Sarria, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e membros de Protección Civil da localidade.

Ciclistas atropelados en Nigrán e Ferrol
Tamén durante a mañá deste luns, outros dous accidentes con ciclistas foron rexistrados polo 112 Galicia nos concellos de Nigrán e Ferrol. En ambos, as persoas que conducían as bicicletas foron alcanzadas por vehículos e tiveron que recibir asistencia sanitaria.

O primeiro deles foi rexistrado ás 09:15 horas na Rúa de Canido, en Nigrán. Un particular chamou ao 112 para solicitar axuda para un ciclista, alcanzado por un camión de lixo. Ata o punto acudiron os profesionais sanitarios e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Xa en Ferrol, unha persoa foi testemuña dun atropelo a un ciclista na incorporación da Avenida Esteiro para a Avenida das Pías. Así, para solicitar asistencia sanitaria para o ferido, que se atopaba liberado e consciente, chamou ao 112 Galicia ao fío das 09:45 horas.

Así, os xestores de emerxencias solicitaron a intervención dos sanitarios, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.