Catro galegas e galegos, seleccionados para o Campionato do Mundo de Campo a Través

O atletismo galego volve situarse no primeiro plano internacional coa selección de catro atletas Sub20 para o Campionato do Mundo de Campo a través, que se celebrará o próximo 10 de xaneiro en Tallahassee (Estados Unidos).

Os deportistas foron incluídos na preselección de vinte atletas tras cumprir os criterios técnicos establecidos polo seleccionador da RFEA, José Peiró, en coordinación coa Dirección Deportiva da Real Federación Española de Atletismo , un recoñecemento que supón unha excelente noticia para o atletismo galego e que pon de manifesto a calidade e proxección dunha nova xeración de atletas chamada a protagonizar un futuro esperanzador no panorama internacional.

A categoría Sub20 con acento galego

Na categoría feminina Sub20, Galicia contará coa presenza das irmás Debris e Demeku Paniagua, xunto a Sandrea González quen ven de lograr a medalla de bronce por equipos do campionato de europa de cros da pasada fin de semana. As tres atletas consolidáronse nos últimos anos como referentes nacionais da súa categoría, destacando pola súa regularidade, capacidade competitiva e notables resultados tanto en probas de campo a través como en pista. A súa progresión constante e a súa madurez deportiva a pesar da súa mocidade, sitúanas entre as atletas máis prometedoras do atletismo español.

Pola súa banda, na categoría masculina Sub20, o representante galego será o lucense Teo de Frutos, un atleta que construíu unha sólida traxectoria desde as categorías de base. De Frutos destacou polo seu rendemento nos campionatos nacionais de cros, así como pola súa capacidade para competir ao máis alto nivel en probas de fondo, converténdose nun dos nomes propios do atletismo xuvenil español grazas á súa disciplina, constancia e ambición deportiva.

Esta preselección non só reforza o excelente momento do atletismo galego actual, senón que tamén enlaza coa longa e prestixiosa tradición de Galicia nos campionatos internacionais de campo a través, unha modalidade na que historicamente achegou destacados atletas ao combinado estatal.

Futuro esperanzador

A substitución xeracional que se está producindo confirma que Galicia volve situarse entre as comunidades de referencia do cros a nivel estatal, mantendo viva unha identidade atlética profundamente ligada a esta disciplina. A presenza destes catro atletas nunha cita mundialista supón un motivo de orgullo para todo o atletismo galego e unha clara mostra do traballo que se vén realizando desde a base, consolidando un presente sólido e proxectando un futuro ilusionante para o atletismo internacional.

Related posts

COGAMI lanza unha campaña para achegar o seu servizo de Emprego á xuventude con discapacidade en Galicia

Os docentes do IES de Baio Oscar Rey e Fina Paulos reciben un premio do Ministerio de Educación

UCIN Galicia respalda a los mariscadores y exige agilizar el saneamiento de la ría de Corcubión