Acordo entre catro gobernos da Unión Europea e a farmacéutica AstraZeneca para ser os primeiros en recibir a vacina contra o coronavirus. Italia, Holanda, Alemaña e Francia asinan un acordo para compra conxunta dunha vacina contra a Covid-19. É a vacina que está a ser experimentada na Universidade de Oxford e que contou coa participación do grupo farmacéutico AstraZeneca e o italiano IRBM. Aseguran que se atopa nun «estado de experimentación avanzado». O ministro de Sanidade de Italia Roberto Speranza dá por feito en Facebook que «a vacina se considerará un ben público global, o dereito de todos, non o privilexio duns poucos». Un acordo que dá por feito que a vacina vai ser eficaz. O contrato coa empresa farmacéutica AstraZeneca prevé que estarán preparadas a final de ano ata 400 millóns de doses de vacinas destinadas a toda a poboación europea. Os británicos foron os primeiros en chegar a un acordo para a compra de trinta millóns de doses. A farmacéutica anunciou que garante «unha subministración ampla e equitativa da vacina no mundo, cun modelo sen fins de lucro, durante a pandemia».