- Os tapóns recollidos nos colectores con forma de corazón irán destinados a fins sociais grazas a un convenio entre Urbaser e a Fundación Amigos de Galicia
Este venres en Carballo quedaron instalados catro novos colectores para tapóns de plástico na Avenida do Ambulatorio, a Praza de San Cristovo, a rúa Eduardo Pondal e a Praza dos Bombeiros Voluntarios. Cada un é dunha cor diferente e, xunto cos dous que se atopan na rúa Bos Aires e na Praza Vila de Laxe, conforman unha bandeira multicolor «símbolo da sociedade diversa na que vivimos», destacan desde o Goberno local.
Este colectores teñen o valor engadido de impulsar a solidariedade, posto que os tapóns recollidos irán destinados a fins sociais grazas a un convenio entre Urbaser e a Fundación Amigos de Galicia. Deste xeito, Carballo contribúe á campaña Conectad@s, que facilita o acceso a recursos dixitais, sanitarios e material escolar a menores galegos en idade de escolarización de familias con poucos recursos.