- Tamén haberá actividades paralelas con concertos, obradoiros e faladoiros
Volve Derrubando muros con pintura, a iniciativa centrada en acabar con boa parte do feísmo padecido nas rúas carballesas. Entre este xoves e o domingo 22 de agosto catro novas creadoras e creadores de Carballo realizarán outros tantos murais. Trátase dunha aposta polo novo talento da vila, xa que «todos os artistas son moi novos, ningún supera os 25 anos e unha delas ten só 19 anos», explican desde o Concello.
Isa Bermúdez actuará na rúa Xazmíns; Nere Rama pintará na traseira da Ludoteca Municipal a súa obra ‘Bailando na lúa’; Nazaret estará traballando na rúa Igrexa (zona de aparcadoiros do San Martiño); mentres que Tucho desenvolverá o seu traballo na rúa Fábrica.
Actividades paralelas
Durante estes dez días de pintura tamén haberá actividades organizadas arredor da arte, todas elas de balde.
14 de agosto. Inicio oficial da programación desde o palco da rúa Jacinto Amigo Lera. A partir das 20:30 horas haberá un faladoiro e coloquio arredor da arte urbana que se completará ás 21:30 horas cun recital poético con aires rocanroleiros coa escritora carballesa Rosalía Fernández Rial. Media hora máis tarde terá lugar o concerto de Mr. Kilombo.
19 de agosto. Obradoiro de rotulación. Impartirase de 10:00 a 14:00 horas nun escaparate do mercado municipal. Destinado a maiores de 16 anos. Aforo máximo: 8 persoas.
22 de agosto. A partir das dez da mañá desenvolverase un obradoiro de pintura. Esta actividade terá lugar na rúa Bos Aires e vai destinada a nenos de entre 6 e 11 anos. Aforo máximo: 10 persoas.
A programación pecharase ás 20:30 horas cunha ruta guiada polas novas obras de arte urbana e o concerto con Pauliña ás 21.30 horas. Celebrarase no palco da rúa Jacinto Amigo Lera.