Un dos vehículos participantes na proba saíuse do circuito e bateu contra varias persoas do público.
O 112 Galicia recibiu a primeira chamada de aviso sobre o accidente ás 12:30 horas deste sábado. Nos segundos posteriores, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia atenderon outras comunicacións relacionadas co suceso, pero, desta volta, dos efectivos de emerxencias que forman parte do dispositivo de seguridade.
Así, axentes da Garda Civil e membros do GES de Muíños detallaron a situación e indicaron a necesidade de contar con recursos de asistencia médica a maiores dos que xa se atopaban na zona porque había varias persoas feridas.
En total, catro persoas tiveron que ser evacuadas, entre elas unha menor, con lesións importantes. Por iso, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 decidiron enviar á zona unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que, máis tarde, ocupouse do traslado ao hospital da cativa.