Catro persoas feridas de gravidade nun novo accidente de tráfico no corredor Brión-Noia

1 minutes read

O sinistro produciuse ás 9:20 da mañá deste venres á altura do concello de Brión, no quilómetro 13 da estrada, en dirección a Noia e á altura da parroquia de Boullón. No accidente víronse implicados tres vehículos. Dúas persoas quedaron atrapadas nun deles, que os bombeiros e o resto dos servizos de emerxencia trasladados a ese punto tiveron que liberar. O 112 Emerxencias Galicia desprazou ata o lugar un helicóptero medicalizado que trasladou o ferido máis grave, mentres que os outros tres foron levados en ambulancia ao hospital. As condicións da estrada non eran boas debido á choiva, pero investíganse as causas que provocaron o accidente. O sinistro provocou importantes retencións na vía, que permaneceu cortada durante máis dunha hora. A partir das 10.30 horas a situación comezou a normalizarse.