Catro persoas feridas nunha colisión entre dous coches en Vigo

Axencia Galega de Emerxencias 112

  • En Vedra tamén se produciu un choque entre un coche e un camión con mercadorías perigosas
  • En Outes tivo lugar un accidente no que se viron implicados un turismo e un camión

Unha colisión entre dous coches saldouse con catro persoas feridas esta tarde en Vigo. O sinistro produciuse na Avenida de Emilio Martínez Garrido, uns minutos antes das 16:20 horas.

Unha persoa particular alertou do accidente ao 112 Galicia e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e aos Bombeiros de Vigo.

Colisión entre coche e camión con mercadorías perigosas
Por outra banda, en Vedra, produciuse uns minutos máis tarde unha colisión entre un turismo e un camión que transportaba 33.000 litros de combustible. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin tampouco se viu afectada a carga.

O accidente ocorreu no punto quilométrico 4,500 da AP-53, ao redor das 16:50 horas.

Nada máis ter constancia do sinistro, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local, do Servizo Municipal de Protección Civil de Teo, do GES da Estrada, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Ordes.

Choque entre un turismo e un camión
Ademais, dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un coche e un camión no termo municipal coruñés de Outes. O sinistro tivo lugar en Siavo, na parroquia do Freixo de Sabardes, uns minutos antes das 17:35 horas.

Ata o lugar achegáronse os servizos sanitarios de urxencia, os voluntarios de Protección Civil da localidade, os efectivos do GES de Muros e os axentes da Garda Civil de Tráfico.