- Bronce europeo de Elisa Pichel nos 800 libres da categoría +35.
Quince triatletas da A.D. Fogar Carballo-Oleiros tomaban parte en Ortigueira no primeiro dos clasificatorios do Nada e Corre ao que acudiron once dos equipos das zonas un e dous, entre os que mobilizaron preto de 140 rapaces e rapazas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. No desenvolvemento da proba cinco deles clasificábanse para a Final Galega entre os mellores das súas respectivas categorías; Inés Duarte como mellor cadete feminina, Irene Santomé como segunda e Diego Souto como terceiro da infantil, Tadeo Suárez tamén como terceiro da benxamín e máis a prebenxamín Rosalía Cid como cuarta.
Bronce europeo de Elisa Pichel nos 800 libres da categoría +35
A nadadora Elisa Pichel da A.D. Fogar tomou parte estes días no Campionato de Europa de Natación Máster en piscina curta que está a celebrarse na localidade lusa de Madeira, https://mastersmadeira2023.com/. Elisa a pesar de non atopar as súas mellores sensacións na auga foi quen de callar outra brillante actuación a nivel internacional acadando unha medalla de bronce e un quinto posto no seu grupo de idade o de 35 a 39 anos. A medalla de bronce chegou o pasado domingo na proba dos 800 metros libres onde a carballesa parou o crono en 10’16”51 a dez segundos da gañadora da proba a italiana Marzia di Giovanni. Este martes a do Fogar pechou a súa participación coa quinta praza nos 200 metros braza.
