O Calvo Xiria pon en marcha a temporada 2026/2027. O senior masculino estrea a competición oficial o 16 de agosto nos cuartos de final da Copa Galicia, en Cangas, e o senior feminino busca darlle continuidade á Final 4 da pasada campaña. Por diante, unha Primeira Nacional ‘A’ de dezaseis equipos que levará ao equipo de Carballo a Gran Canaria, Lanzarote e Tenerife entre as ubicacións de fora de Galicia.
Unha liga con selo galego e ponte aérea a Canarias
A Primeira Nacional ‘A’ 2026/2027 reúne dezaseis equipos: doce galegos e catro canarios.
Galicia achega a columna vertebral do grupo, con nove representantes da provincia de Pontevedra —A Cañiza, Bueu, Luceros, Lalín, Porriño, Novás, Teucro, Carballal e o recén ascendido Poio —, dous da Coruña —Carballo e Culleredo— e un de Ourense —Ribadavia—.
Ao outro lado do Atlántico agardan os catro conxuntos do arquipélago: Gáldar e Ingenio (Gran Canaria), Lanzarote Ciudad de Arrecife (Lanzarote) e Tacoronte (Tenerife). Catro desprazamentos aéreos que condicionan a planificación deportiva, loxística e económica de toda a tempada, e que converten esta categoría nun dos escenarios máis esixentes do balonmán estatal fóra das categorías profesionais.
Un arranque de campionato de altura
O calendario non concede período de adaptación. As tres primeiras xornadas soon fronte a equipos que aspiran a estar no máis alto da táboa:
Debut na casa fronte a un rival canario, primeira viaxe ao arquipélago apenas sete días despois e, para pechar o mes de setembro, a visita do Granitos Ibéricos Carballal. Tres xornadas que marcan o ton do que vén.
E outubro non afrouxa. O club afronta dúas saídas de alto voltaxe en apenas dúas semanas:
- 10 de outubro, en Culleredo: o derbi coruñés ante o Bm Culleredo, o único outro representante da provincia da Coruña na categoría.
- 24 de outubro, en O Rosal: visita ao Atlético Novás, campión de liga a pasada campaña e, polo tanto, unha das varas de medir máis fiables do grupo.
Que ambos os dous encontros caian a domicilio nesta primeira volta esixe arrancar a temporada cun bo ritmo competitivo dende a primeira xornada.

Os senior xa están en marcha
O equipo senior masculino comezou a adestrar hoxe 3 de agosto, mentres que o senior feminino iniciará oficialmente os adestramentos a vindeira semana ainda que xa tocaron pista dende o dia 22. Semanas de carga física, axuste de sistemas e integración dos xogadores e xogadoras que soben desde a canteira.
O conxunto masculino estrea os partidos oficiais o 16 de agosto en Cangas, nos cuartos de final da Copa Galicia fronte ao Automanía Luceros: apenas dúas semanas despois do primeiro adestramento, un billete para as semifinais en xogo. Un test esixente que serve, ademais, como primeira medición real de cara ao arranque liguero.
O feminino, sobre a estela da Final 4
O senior feminino afronta unha campaña chea de retos cun plantel moi novo, resultado dun traballo de base sostido no tempo. A referencia está posta: a pasada temporada o equipo acadou a disputa da Final 4, froito do esforzo continuado e ascendente ao longo da campaña.
Manter esa liña de progresión cunha rolda tan xuvenil non é un obxectivo menor. É, precisamente, o reto do curso: consolidar o crecemento das xogadoras que xa demostraron poder competir ao máis alto nivel autonómico e darlle continuidade a un bloque chamado a marcar os próximos anos do club.
Comezarán a competición de Copa Galicia encadradas no grupo D, a fin de semana do 13 de setembro fronte ao Seguros M.Bieito Bm. Xallas en Carballo.