Este xoves o 112 Galicia atendeu durante toda a mañá catro accidentes nos que resultaron feridas de consideración varias persoas. Na maioría dos casos foi necesaria a intervención dos equipos de rescate e extinción.
Un camión cae por un terraplén e incéndiase en Tállara, Lousame Sobre as 09:30 horas desta mañá produciuse un accidente na estrada DP-1105, en Tállara, ao paso polo concello coruñés de Lousame. Un camión saiu da vía e caeu por un terraplén. Despois de quedar nun regato o vehículo incendiouse e foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Brión para sufocalo.
O camión quedou totalmente calcinado e o condutor, que estaba liberado e accesible, foi evacuado consciente polos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Clínico de Santiago.
Pola súa banda, os servizos de extinción traballaron para apagar o lume que afectou algo á contorna e devorou o camión. Tamén foi necesaria a instalación de barreiras de contención no regato de Tállara para frear o derrame de combustible procedente do depósito do vehículo, e tivo que intervir un equipo de limpeza e mantemento da Deputación da Coruña debido aos danos provocados na vía a causa da caída do camión.
Igualmente, o operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico, os voluntarios de Protección Civil de Lousame, efectivos do servizo local de emerxencias de Boiro e o persoal do distrito forestal da zona.
Coche envorcado en Salceda
Sobre as 10:15 horas, un particular alertaba ao 112 Galicia dun vehículo que se atopaba envorcado de xeito lateral sobre un noiro, cunha persoa atrapada no interior.
Os feitos ocorreron na PO-510, en Salceda de Caselas e alí acudiu unha dotación do Parque de Bombeiros do Baixo Miño para liberar ao condutor.
Unha vez fóra do vehículo, o ferido foi atendido e evacuado polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias para ser atendido dos diversos traumatismos provocados polo impacto.
Atrapado entre un camión e un muro en Arteixo
Tamén en Arteixo tiveron que intervir os bombeiros para rescatar a un camioneiro que quedou atrapado entre un muro e o seu vehículo, despois de que a este se lle soltara a marcha.
Os feitos tiveron lugar na Rúa Mulleres Afganas, na parroquia arteixana de Morás, e foi un veciño o que alertou ao 112 da situación sobre as 10:45 horas de hoxe
Segundo explicaron os bombeiros, o ferido manexaba un camión porta contedores, que comezou a desprazarse cando o condutor se apeou do vehículo para manobrar co guindastre que leva incorporado. Deste xeito, o camión sen condutor bateu contra un poste e deixou ao camioneiro atrapado polas pernas.
Atropelo a un ciclista
Un ciclista resultou ferido despois de ser alcanzado por un furgón na estrada que vai a Baiona.
O accidente aconteceu sobre as 11:15 horas, e segundo a Axencia Galega de Emerxencias, varias testemuñas do accidente aseguraron que o condutor do vehículo implicado continuou a marcha. Por este motivo, ademais dos servizos sanitarios, tamén acudiron ao lugar dos feitos axentes da Policía Local e da Garda Civil.