Catro trasladados nunha colisión que provocou que un coche caese ao río en Negreira

1 minutes read

Un deles foi evacuado en helicóptero. O accidente ocorreu arredor das 19:30 horas deste mércores, no quilómetro 0 da DP-5602. Segundo indicaron varios particulares, producírase unha colisión frontal e un dos dous coches implicados caera ao río.

Sen agardar, os xestores do 112 Galicia compartiron os datos deste suceso co Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o punto, cos Bombeiros de Santa Comba, co GES de Brión, coa Garda Civil de Tráfico e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Negreira.

Os implicados xa se atopaban fóra dos vehículos trala chegada da dotación de bombeiros. Os tres ocupantes do vehículo que caera ao río tiveron que ser trasladados, un deles en helicóptero en estado grave. No outro coche, que logo do impacto fórase contra un muro, só había unha única persoa, a cal tamén precisou ser evacuada ata o hospital de referencia.

Cómpre mencionar que no operativo tamén participou a Policía Autonómica, que se atopaba na zona no momento do accidente.