CCA Carballo pechará este domingo a campaña “Namórate do teu comercio” cun xogo de Cupido

As frechas de Cupido están listas para ser lanzadas, e o corazón do comercio local agarda xa impaciente aos mellores lanzadores/as. O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo celebrará este domingo 22 de febreiro o acto final da campaña “Namórate do teu comercio”, unha iniciativa que durante as últimas semanas animou á veciñanza a apostar unha vez máis polo consumo de proximidade.
A cita será na Praza do Concello, coincidindo coa xornada de feira, onde se desenvolverá un novidoso e atractivo xogo que converterá ás persoas participantes en auténticos Cupidos. O reto: afinar a puntería e lanzar os seus dardos directamente ao gran corazón do CCA, formado por globos cheos de sorpresas. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao primeiro andar do Mercado Municipal.
Todas as persoas que, do 6 ao 14 de febreiro, realizaran as súas compras nalgúns dos comercios adheridos á iniciativa, poderán participar neste divertido xogo presentando o correspondente vale grampado (ou selado) ao ticket de compra. Cada un, dará dereito a dúas tiradas para descubrir os premios que agochan os globos do CCA. Entre outros, haberá cheques para consumir nos locais de hostalaría asociados, sesións de cine para dúas persoas , bolsas e bolígrafos do CCA ou vales con mensaxes motivadoras, entre outras recompensas pensadas para agradecer a fidelidade da clientela
Con esta acción, o CCA Carballo non só pecha a súa campaña do Día dos Namorados, senón que reforza o seu compromiso co tecido comercial local, convertendo a experiencia de compra nunha proposta dinámica, participativa e chea de ilusión.

Related posts

De Vacas actuará en Carballo o 7 de marzo dentro da conmemoración do 8M

O Sendeiro de Saldoiro de Caión obtén de novo o distintivo ‘Sendero Azul’

Malpica rende homenaxe a Rosalía entre caldo, cantos e libros