Na campaña colaboran o Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. No acto de presentación participaron varios comerciantes, o concelleiro de Promoción Económica e o alcalde.
Papá Noel, virá a Carballo expresamente dende Laponia para percorrer as rúas e as tendas os días 20 e 21 de decembro pola tarde e o 22 pola mañá. Os Reis Magos non poderán estar en Carballo ata o día 5, pero os seus paxes reais visitarán a vila os días 2, 3 e 4 de xaneiro pola tarde.
Ademais haberá outro “incentivo”, todas as compras que se realicen os sábados por importe igual ou superior a 5 euros serán recompensadas cun cucurucho de castañas. Os consumidores recibirán un vale que poderán cambiar no posto do castañeiro situado no cruce das rúas Coruña e Desiderio Varela os sábados 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro, de 17.00 a 20.30 horas.
As fines de semana serán de moita actividade para o comercio, porque os establecementos participantes abrirán eses tres sábados pola tarde e o domingo 5 de xaneiro, véspera de Reis, todo o día.
Para a veciñanza será moi doado identificar os locais que forman parte da campaña, porque ás portas de cada un deles haberá unha caixa de correo de cor vermella na que os nenos e as nenas poderán depositar as súas cartas para Papá Noel, O Apalpador e os Reis Magos.
A campaña comercial “Agasalla Carballo” volve a acadar o máximo de participación
A Concellaría de Promoción Económica volve a apostar moi forte polo comercio local este Nadal para incentivar o consumo nos establecementos de proximidade fronte ás grandes superficies e a Internet. Este ano volven a contar cun cento de establecementos participantes, o máximo que resulta posible admitir por cuestións organizativas.
A campaña arranca o venres 13, e coma sempre incluirá moitos atractivos. Para ultimar todos os preparativos, este martes celebrouse no Fórum Carballo unha xuntanza na que participaron o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; a técnica da OPE, Paula Lema, e boa parte dos/as cen participantes.
Este ano hai novidades no funcionamento da campaña, pero o que non cambia son os importantes premios aos que poderá acceder a clientela do comercio local nin as actividades paralelas que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro . A Concellaría de Promoción Económica farase cargo do custe de todo o programa.
Todo elo vai acompañado dunha vistosa campaña de promoción coa mensaxe “Agasalla Carballo”, que pode verse xa polas rúas, xunto cos novidosos decorados de Nadal que están instalados en varias rúas do centro, e que teñen como obxectivo contribuír á creación do ambiente festivo propio destas datas. Neste sentido, dende a Concellaría de Promoción Económica e dende o Concello de Carballo queren agradecer a colaboración das empresas Dixardín e Vázquez e Reino, xa que a primeira contribuíu co axardinamento dos catro decorados e a segunda faise cargo do custe das figuras colocadas na rúa Valle Inclán.
