Cede parte da ponte de Ponte Arnelas, en Vilanova

1 minutes read

Parte da estrutura da ponte de Ponte Arnelas, en Vilanova de Arousa, cedeu este martes por danos estruturais, segundo informou o 112. A ponte pechouse ao tráfico por seguridade e a circulación desviouse pola ponte antiga. Ademais, como medida preventiva, interromperon o tránsito no paseo que vai por baixo da estrutura.

Técnicos da Consellería de Infraestruturas inspeccionan o estado da ponte nova de Ponte Arnelas. A variante da que forma parte a ponte está cortada, desde que á media tarde deste martes se sentiron unha serie de estrondos que poden supor risco dun posible colapso. Parte da plataforma do vano central sobre o río Umia desnivelouse de forma notable tras a rotura dos tirantes dun dos arcos laterais, segundo informou o propio alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán.

Mentres se estuda o nivel de risco e as medidas precisas para reparar a ponte, o tráfico foi desviado pola antiga ponte dos Padriños. O alcalde estima que os traballos poden tardar ata un ano, se hai que derrubar e reconstruír a plataforma. Iso supón para os veciños de Arnelas convivir outra vez coa trasfega de vehículos da que se libraran desde que en 2007 se abrira a nova variante.