Cee | A Costa da Morte estreita lazos con Costa de Marfil en Stoupa a través da artesanía

'DeCostaACosta', nova exposición en Stoupa_Cedida

  • A colección de Mimi La Bish poderá visitarse na tenda ceense ata finais de xuño

A tenda e galería de arte Stoupa, en Cee, presenta a súa nova exposición DeCostaACosta da man da ONG ‘Egueire’, fundada en Mazaricos en 2008 como Asociación de Cooperación para o Desenvolvemento de Costa de Marfil. Presidida por Desiré Kouakou, socio fundador e párroco de varias parroquias na Costa da Morte, a entidade leva anos achegando a cultura marfileña aos fregueses da comarca a través da gastronomía local, o folclore autóctono e, agora, coa artesanía.

DeCostaACosta é un escaparate para o traballo de Mimi La Bish, artesá e deseñadora orixinaria de Gagnoa (Costa de Marfil) que xa estivo presente na Mostra de Encaixe de Camariñas deste ano grazas á súa colección Pangea, onde o encaixe se integrou nos traxes cerimoniais e máscaras de diferentes etnias do país africano co obxectivo de visibilizar o traballo dos artistas.

Mimi La Bish cursou os seus estudos na escola André Malraux e desenvolveu a súa carreira profesional como artesá ata que en 1999 decidiu comezar a debuxar e deseñar as súas pezas de bixutería, fusionando bronces e materiais tradicionais en creacións innovadoras e cargadas de simbolismo.

A mostra poderá visitar ata finais do mes de xuño de martes a sábado, en horario de mañá, ou con cita previa calquera día da semana chamando ao 661 436 483.