Cee acolle hoxe a estrea do novo espectáculo familiar de Talía Teatro


Talía Teatro regresa hoxe aos escenarios coa estrea do seu novo espectáculo para público familiar, Voa, voa!, que poderá verse ás 20,00 h. na Casa da Cultura de Cee, localidade orixinaria da compañía, onde repetirá función o xoves 16, ás 12,00 h. A peza, escrita e dirixida por Artur Trillo, conta cun dobre apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través das subvencións á creación escénica e do programa de dinamización lingüística FalaRedes, no marco do que este verán poderá verse nunha quincena de concellos.

Así o subliñou o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, durante a presentación da estrea, na que tamén participaron a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, así como Artur Trillo e os intérpretes María Ordóñez e Toño Casais. Na súa intervención, destacou igualmente que a compañía regresa a Cee para retomar a actividade no mesmo punto onde se atopaba no momento da declaración do estado de alarma, que lle obrigou a adiar estas representacións, inicialmente previstas para o mes de abril.