Cee acollerá un curso sobre atención no fogar a persoas con dano cerebral adquirido

Os traballadores e traballadoras responsables da atención e coidado no fogar de persoas con dano cerebral adquirido e as familias e persoas coidadoras informais son o público principal ao que se dirixe unha nova acción formativa organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), aínda que tamén se pode matricular calquera outra persoa interesada.

Co título ‘Atención no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’, esta formación vai estar impartida por profesionais da Federación co obxectivo de mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con esta discapacidade a través da capacitación das persoas que se fan cargo do seu coidado na casa.

O curso vai ter lugar Casa da Cultura de Cee, é gratuíto e para inscribirse cómpre chamar aos teléfonos 689 083 144 ou 881 943 148 ou escribir a formacion@fegadace.org. No caso de precisar información adicional pódese contactar con FEGADACE ou co departamento de Orientación Laboral do Concello de Cee. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

Está distribuído en dúas sesións: o luns 6 de marzo de 16:00 a 20:00 e o xoves 9 do mesmo mes, tamén de 16:00 a 20:00.

Esta actividade enmárcase na ‘Escola Dano Cerebral’ que FEGADACE impulsa, tanto online como presencialmente, para mellorar a especialización e capacitación dos coidadores e coidadoras e tamén dos equipos profesionais responsables da atención a persoas con dano cerebral.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha