Cee | Chega a terceira xornada da sección para o público en xeral da XII Edición do programa ‘O Mes da Fundación’

Este sábado 4 de outubro, a partires das 20:30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Cee, con entrada de balde, chega a terceira xornada da sección para o público en xeral, da XII Edición do programa Educativo Cultural O Mes da Fundación, organizado pola Fundación Fernando Blanco de Lema, e que conta coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e da empresa XEAL.

Conferencia «Unha visión antropolóxica da medicina popular galega» a cargo do antropólogo Rafael Quintía Pereira.

Rafael Quintía Pereira

Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural; Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais; Doutorando en Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela e no CISPAC-Centro Interuniversitario de Investigación en Paisaxes Atlánticas Culturais; Máster en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional na especialidade de Xeografía e Historia.

Exerce como antropólogo profesional na empresa Ab Origine. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural, da que é xerente. Ademais é profesor-titor na Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), onde imparte as materias de Antropoloxía Cultural, Antropoloxía das Relixións, Antropoloxía Económica, Antropoloxía Social e Psicoloxía Social.

Especialista en patrimonio inmaterial e proxectos de posta en valor do patrimonio. Investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia. As súa liñas de investigación céntranse, fundamentalmente, no patrimonio inmaterial. O seu traballo de investigación ten sido galardoado con cinco premios de investigación e ensaio: Premio de Investigación Xermade na Historia (2019), Premio Ferro Couselo de Investigación (2017), Premio Ramón Piñeiro de Ensaio (2016), Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) e Premio de investigación Luís Cuadrado (2010). É autor de trinta libros, de varias obras colectivas e dun centenar de artigos. No campo da antropoloxía visual realizou once documentais etnográficos e históricos.

É membro do Observatorio Internacional de Cátedra UNESCO da Universitat de València (Comité de Europa), membro fundador e Presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), foi Vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO), é Responsable de Patrimonio da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo (Pontevedra) e Membro do Comité Académico de Amigos de la Cultura Celta.

«Unha visión antropolóxica da medicina popular galega»

Nesta conferencia achegarémonos aos principais elementos estruturantes da etnomedicina galega. Falaremos das doenzas e enfermidades tratadas por este sistema de saúde, dos seus mecanismos terapéuticos, a súa eficacia simbólica e resaltaremos os aspectos positivos que podemos aprender para mellorar o noso sistema biomédico actual. 

Related posts

A Laracha | O ‘Outono de contos’ regresa para promocionar a lectura entre o público infantil

O PP di que é o Concello o que ten que xestionar o centro de día de Corcubión

Ampliada a capacidade da liña de autobús que conecta Fisterra con Cee e que continúa ata a Coruña