O deputado de Promoción Económica e responsable da área de Emerxencias, Blas García, visitou o parque de bombeiros de Cee, onde confirmou «o compromiso total» da Deputación «co carácter público que se lle dou ao Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento».
Blas García, que estivo acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o xerente do Consorcio, Jose Luis Barca, explicou que «imos seguir apostando en mellorar o servizo de Emerxencias, tanto nos medios materiais necesarios como na situación laboral dos profesionais». «Estamos traballando na adquisición de novos vehículos en substitución de algúns dos xa existentes, así como de outro material de intervención necesario e tamén na actualización da RPT», informou.
O deputado aproveitou a visita para trasladar as felicitacións aos traballadores, en nome do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, pola actuación realizada recentemente no incendio do Polígono Industrial de Santa Comba, no que participaron bombeiros dos parques de Santa Comba, Carballo e Cee. «Grazas á rápida intervención e coordinación, lograron evitar que o incendio se propagara a outras naves colindantes», destacou.