Cee | Convenio entre Concello e Xunta para a redacción do proxecto dunha nova depuradora

Foto.- Cedida.

Este convenio dará resposta á necesidade de colaboración para mellorar o sistema de depuracion de augas residuais de Cee e Corcubión. Co mesmo obxectivo, Augas de Galicia realizou, previamente, unha análise de alternativas co obxecto de determinar a mellor ubicación para a execución da citada depuradora.

O estudo, enmarcado nas actuacións para a mellora do sistema de saneamento nestes dous concellos, permitiu determinar o lugar para executar a nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.

Unha vez asinado o convenio, Augas de Galicia prevé licitar proximamente a redacción do proxecto construtivo da nova estación depuradora de augas residuais. O Concello de Cee comprométese a pór á disposición da Xunta os terreos da futura depuradora, de forma que a adxudicataria poida realizar os traballos xeotécnicos e topográficos precisos.

Augas de Galicia entregará ao Concello o estudo de alternativas no que se determinan as parcelas onde se vai ubicar a estación depuradora, asumindo integramente a financiación e licitación do proxecto construtivo, que suporá un investimento de 348.000 euros, así como a súa supervisión e aprobación. A actuación conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER.