Cee | Desaloxados os donos dun posto no mercado municipal tras saltarse a corentena

1 minutes read
  • Na Costa da Morte houbo máis de 200 controis durante as festas do Nadal, rexistrándose 120 denuncias administrativas

A Garda Civil de Corcubión, coa colaboración da Policía Local de Cee, pechou un posto de venda ambulante no mercado municipal de Cee tras notificarlles que os seus donos se saltaran a corentena. Os implicados aceptaron pechar o negocio e cumprir as medidas sanitarias ditadas, colaborando cos axentes unha vez foron requiridos para o peche do posto.

Os feitos puxéronse en coñecemento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia por se os mesmos fosen constitutivos de infracción administrativa.

Esta actuación policial entra dentro do esforzo especial que realizou a Garda Civil durante as festas do Nadal para lograr o cumprimento das medidas sanitarias relacionadas coa prevención e contención da Covid-19. No caso da Costa da Morte houbo máis de 200 controis e inspeccións, rexistrándose 120 denuncias administrativas. Entre elas destacan o recente desaloxo dunha reunión ilegal en Trasufre (Muxía) preto das catro da mañá, e o desaloxo dunha festa ilegal en Denle (Fisterra).

No que levamos de ano, confeccionáronse pola Garda Civil máis de medio milleiro de denuncias administrativas, principalmente nos municipios onde a incidencia do Covid-19 supuxo unha implantación de maiores restricións.