Este 1 de abril de 2020 comezou o ano que a Real Academia Galega de Belas Artes lle adica a unha das figuras máis importantes do barroco en Galicia, Domingo Antonio de Andrade. Aínda que as actividades programadas desde diferentes entidades, entre elas o propio Concello de Cee, tiveron que ser atrasadas ata que pase o actual estado de emerxencia sanitaria polo COVID-19, desde o Concello non queren deixar pasar esta efeméride para lembrar, aínda que sexa superficialmente, a unha das figuras singulares, xunto con Fernando Blanco de Lema, da vila da Xunqueira.
O Concello de Cee ten preparadas para cando todo volva á normalidade, unha serie de actividades que pretenden homenaxear e ao mesmo tempo divulgar entre os seus veciños a súa obra, entre a que podemos destacar, por ser as máis coñecidas, a torre do reloxo da catedral de Santiago ou as escaleiras de caracol de Santo Domingo de Bonaval. Pero a obra de Andrade é moito máis e con razón está considerado como o principal promotor da escola barroca en Galicia, na que se inscriben os seus discípulos Simón Rodríguez e Fernando de Casas.