A Casa da Cultura de Cee acolle, desde hoxe e ata final de mes, a exposición itinerante Facer Camiño. Fotografía, escultura e pintura formarán parte das 23 pezas que se poderán ver nesta exposición itinerante escollidas pola comisaria da mostra, Asunta Rodríguez. Nela participan obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.
Esta mostra enmárcase no acordo de colaboración institucional existente entre a Administración autonómica e a Real Academia Galega de Belas Artes, referendado mediante a sinatura dun convenio de colaboración en xuño de 2020. Unha colaboración na que a Xunta de Galicia investirá preto de 100.000 euros e que durante este ano se centra de xeito monográfico en afondar no vínculo entre a cultura e o Camiño de Santiago, a través dunha programación de calidade, accesible e deslocalizada.
O acto de inaguración, será ás 12 do mediodía, estará presidido polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela.