A Deputación da Coruña atenderá a petición do Concello de Cee de construír beirarrúas no núcleo de Lires. Así llo confirmou o presidente, Valentín González Formoso, á alcaldesa Margarita Lamela durante a reunión que mantiveron na sede da instititución provincial, na que participou tamén o concelleiro de Obras, Rubén Villar.
Lamela sostivo que a mellora da seguridade peonil na estrada DP 2301 ao seu paso polo núcleo máis urbano de Lires «é unha demanda histórica da veciñanza» e «unha necesidade», dada a carencia dun paso seguro para os peóns nunha estrada nas marxes dun vial que conta cunha elevada densidade de tráfico e que ademáis forma parte do Camiño de Santiago e conta con numerosos establecementos de turismo rural nas súas inmediacións.
O presidente pediu á alcaldesa que presente un proxecto para a súa valoración técnica e económica por parte do departamento de Vías e Obras e destacou que esta área está facendo un especial esforzo para garantir a máxima seguridade peonil na rede provincial de estradas.
Margarita Lamela solicitou tamén o apoio económico da Deputación para executar unha senda peonil en Ameixenda, que conectaría a zona da Comboa coa estrada xeral AC-522 de Muros a Cee, ofrecendo seguridade aos camiñantes.