Cee | Os faros da costa atlántica xa iluminan a galería Stoupa

Exposición de novembro en Stoupa_Cedida

  • As obras de Catro Raposos poderán visitarse na galería ceense ata principios do mes de decembro

Co inicio do mes de novembro, a galería ceense Stoupa abre as súas portas a unha nova exposición acollendo nesta ocasión ‘Os sentinelas do mar’, da artista Catro Raposos. A mostra componse de sete obras en pintura acrílica sobre panel xaponés cos faros da costa atlántica e as súas lendas como protagonistas.

Catro Raposos (Mazaricos, 1987) iniciou os seus estudos no ámbito social na Universidade de Santiago de Compostela mentres interactuaba coa arte de forma autodidacta. A artesanía e a fotografía son dúas das súas grandes paixóns, e tamén se move entre a pintura e os rotulados a man como o lettering (arte sobre o debuxo das letras) ou o pinstriping (unha técnica coa que se pintan liñas moi finas).

A mostra poderá visitarse ata principios do mes de decembro de martes a sábado en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e polas tardes con cita previa chamando ao 661436483.