Cee | Píscore: Concerto singular, este mércores

1 minutes read

Este mércores 19 de agosto ás 21:30 horas, dentro da programación agosto Cultural 2020, organizada polo Concello de Cee, terá lugar un «concerto singular» a cargo de Píscore. Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao palco cos seu instrumentos. O descubrimento dunha marimba e de todas as súas posibilidades fai que o que podería ser un desastre se converta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Entre partituras, atrís e baquetas, os catro protagonistas van descubrindo, pouco a pouco, tema a tema, que teñen un pasado en común e unha incrible querenza por facer músicas (con)fusionando estilos. Despois de cen funcións co seu primeiro espectáculo Concerto Singular (e Plural), que levou o Premio do Público no Festiclown 2018 e foi o espectáculo mellor valorado en Domingos do Principal 2018. Píscore achéganos a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.