O Concello de Cee, a través do servizo de deportes, pon en marcha o programa Camiños Activos, que son percorridos polas rúas, estradas e camiños do pobo para facer ben andando, correndo ou en bicicleta.
Os camiños están concibidos cunha visión integradora de actividade física, natureza, cultura e turismo, e coa finalidade principal de promover a práctica do exercicio físico de forma regular e saudable entre os veciños e veciñas do municipio. Poderanse coñecer recunchos culturais e arquitectónicos do concello, contribuíndo á mellora do medio ambiente, gozando dos paseos e zonas verdes, e axudaranos a manter o noso estado físico e mental san, adquirindo hábitos que axuden á nosa saúde.
Os camiños poderanse facer por separado ou unidos uns a outros, incrementando a distancia se así se desexa. Todos eles combinan rúas, estradas e camiños, polo que en todo momento haberá que respectar as sinalizacións de tráfico, así como as normas e uso da contorna.
Este programa contén sete camiños, que serán o punto de partida para ir completando no futuro con novos itinerarios que incentiven os desprazamentos en vehículos sen motor e a práctica do exercicio físico saudable.