- Para conmemorar o seu aniversario, a galería ceense ten a disposición do público unha mostra colaborativa con obras de Viki Rivadulla, Alba Cambeiro, Nando Lestón ou Carlos Botana
A tenda e galería ceense Stoupa cumpre este mes cinco anos desenvolvendo actividades para visibilizar a arte e a artesanía da Costa da Morte. Cinco anos cheos de eventos, de exposicións de autor, temáticas ou colectivas que foron mudando practicamente cada dous meses.
Despois dun lustro, Stoupa converteuse por méritos propios no epicentro cultural de toda a comarca onde se poden adquirir pezas e obras de máis de 60 autores das mais variadas disciplinas artísticas: pintura, escultura, fotografía, artesanía, literatura ou música, entre outras.
Para conmemorar o seu aniversario, a galería ceense expón #5AnosStoupando, unha mostra formada por obras de Viki Rivadulla, Fernando Rei, Catro Raposos, Carlos Botana, Helena Gamos, Alba Cambeiro, Rosana Calvo, Nando Lestón e Yano Yoro, ademais de pezas de autor de todos os artesáns habituais do local.
A exposición conmemorativa deste aniversario poderá visitarse durante todo o verán ata finais do mes de setembro, de martes a sábado de 11-14 horas e polas tardes mediante cita previa (tfno. 661436483).