Cee | XIIª Edición do Programa Educativo Cultural ‘O Mes da Fundación’

A Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Xallas Electricidade e Aleacións (XEAL), desenvolverá ao longo da parte final do mes de setembro e durante o mes de outubro a XIIª Edición do Programa Educativo Cultural “O Mes da Fundación”.
O Programa “O Mes da Fundación” nacía no ano 2013 cando os daquela integrantes do Padroado da centenaria entidade ceense decidiron celebrar dun xeito especial o mes de outubro por ser este un mes cargado de simbolismo para a Fundación e para a vila de Cee, pois nel aconteceron dous dos feitos mais relevantes da recente historia da vila: o nacemento de Fernando Blanco de Lema un 18 de outubro de 1796 e a inauguración do Instituto que merecidamente leva o seu nome un 2 de outubro de 1886.
A edición deste ano, que comezará xa o sábado 20 de setembro e que se estenderá ata o domingo 26 de outubro, servirá ademais para conmemorar dúas efemérides das que se compren, neste 2025, exactamente 150 anos: o pasamento do prócer o 5 de abril de 1875 e o nacemento, ese mesmo día, da entidade que leva o seu nome.
Dende a primeira edición do ano 2013 e ao longo das posteriores que se celebraron de xeito ininterrompido, agás a edición de 2020 que se tivo que cancelar por mor da pandemia, pasaron por Cee personalidades relevantes nas súas distintas áreas de traballo a nivel autonómico, nacional e internacional, compartindo o seu saber con todos os asistentes ás distintas actividades que se programaron. Historia, ciencia, literatura, medicina e un longo etcétera foron algunhas das temáticas abordadas nas edicións pasadas, tendo sempre un protagonismo destacado a música e o teatro, por seren ambas as dúas grandes herdanzas culturais que naceron ao abrigo dos centenarios muros de pedra do Instituto Fernando Blanco e que hoxe, mais dun século despois, seguen a estar moi vivas e presentes no día a día da nosa localidade.
A estrutura desta XII edición é similar a de pasados anos, aínda que mais extensa no tempo e en propostas, artellándose un programa específico para os distintos niveis educativos de tódolos centros educativos do Concello de Cee, así como para a Asociación ASPADEX, a desenvolver en distintos días lectivos do mes de outubro, e outro programa para o público en xeral que se desenvolverá os sábados 20 e 27 de setembro e os sábados 4, 11, 18 e 25 de outubro ás 20:30 horas no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee, así como unha xornada de clausura que terá lugar, desta volta, no salón de actos do I.E.S. Fernando Blanco o domingo 26 de outubro a partires das 18 horas.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño