Cegasal reunirá en Carballo a alcaldes e técnicos da Costa da Morte

1 minutes read

Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego, celebrará o día 13 de novembro no Hotel-Restaurante Punta del Este en Carballo o primeiro dos almorzos informativos previstos dentro da Rede Eusumo e que neste caso ten como finalidade promover o desenvolvemento dunha cultura empresarial inclusiva na Costa da Morte. Con esa intención están convidados/as ao acto os alcaldes e as alcaldesas da zona, así como os/as secretarios/as municipais.

Na xornada que dará comezo ás 10.00 horas falarase da contratación de persoas con discapacidade, a Lei de Integración Social do Minusválido (LISMI) e a nova Lei de Contratos do Sector Público. Para abordar estas cuestións asistirán Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria do Concello de Vigo; Adolfo López Baña, administrador único de Máis Porvir; Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, e José Antonio Vázquez, presidente de Cegasal.

Precisamente este último mantivo unha xuntanza co alcalde para informalo sobre a xornada e agradecer o compromiso do Concello de Carballo coa contratación socialmente responsable. “Grazas, porque sodes modélicos a nivel de Galicia e estamos poñéndovos de exemplo”, díxolle a Evencio Ferrero o presidente de Cegasal. 

A asociación integra xa a 30 centros de emprego e conta ademais con varias empresas colaboradoras, entre elas a carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino. O alcalde, pola súa banda, aludiu á necesaria implicación das administracións na integración laboral das persoas con discapacidade e neste sentido reiterou o compromiso adquirido polo Concello de Carballo.