Celebrada a 5ª Festa da Igualdade da Laracha

Por quinto ano consecutivo a Festa da Igualdade que organizou o Concello da Laracha coa colaboración dos centros de ensino no marco do programa de actividades en torno ao Día internacional contra a violencia de xénero foi un rotundo éxito.

209 nenos e nenas, alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Otero Pedrayo –os anfitrións-, CEIP Alfredo Brañas e CEIP de Caión, participaron neste evento que estivo dividido en tres partes. Comezou a xornada coa segunda edición da carreira popular Que non te pille o machismo, que se desenvolveu no interior do recinto do centro educativo. A continuación, no pavillón do colexio realizáronse xogos lúdicos e cooperativos coa temática da prevención da violencia de xénero como fío condutor.

Por último, entregáronse os premios do concurso fotográfico A Laracha enfoca a igualdade, no que resultaron gañadores Sonia Orosa do CEIP Alfredo Brañas (1º premio, unha tablet), Mauro Regueira (2º premio, unha cámara fotográfica instantánea) e Leyre Cameán (3º premio, unha pulseira deportiva), ambos do CEIO Otero Pedrayo. O xurado estivo formado pola directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha e os directores dos tres centros de ensino.

A xornada de convivencia rematou cunha foto de familia xunto aos murais elaborados polos rapaces e o profesorado con motivo da conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Esta quinta edición da Festa da Igualdade destacou pola diversidade de actividades realizadas, o seu dinamismo, a excelente interacción por parte do alumnado e o bo ambiente dunha xornada de convivencia na que se acadou o obxectivo de sensibilizar e formar aos nenos e nenas na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e no total rexeitamento á violencia de xénero.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha