Trátase dunha iniciativa impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller, para fomentar e favorecer a coordinación entre os/as profesionais que traballan dende distintos ámbitos contra a violencia de xénero.
Polo auditorio do Fórum Carballo pasaron poñentes que están na primeira liña da loita contra a desigualdade e a violencia de xénero, como Fátima Alonso, Noelia Marta ou Chelo Neira, que se centraron nos recursos a disposición das vítimas; a xuíza Paz Filgueiras e a médica Rosana Izquierdo, protagonistas dunha mesa redonda sobre boas prácticas na intervención integral en violencia de xénero, ou María Debén, xurista e coordinadora de igualdade da Delegación do Goberno na Coruña, que achegou un novo punto de vista: o custe da violencia de xénero.
Participaron máis de sesenta profesionais dos servizos sociais, a sanidade, as forzas e corpos de seguridade, o ensino e outras áreas implicadas no traballo contra a violencia de xénero, fomentando deste xeito a posta en común e a coordinación precisa para ofrecer unha resposta integral ás vítimas.
