Celebrada a primeira reunión do Comité do Nadal de Vigo

1 minutes read

Abel Caballero reuniu este mércores por primeira vez o recen creado Comité de coordinación do Nadal, no que, como relatou, “trataranse temas como o tráfico, a seguridade, o fluxo de visitantes; a mobilidade; as localizacións das atraccións e a atención ao sector hoteleiro”. Este mércores realizouse unha toma de contacto con todos estes temas, nos que se afondará nos seguintes encontros.

Para o rexedor o Nadal en Vigo “vai ir a máis”, polo que “buscaremos estendela na cidade, con máis emprazamentos, xerando aproveitamento dos beneficios directos do Nadal e a súa vez, que non existan grandes concentracións de cidadáns”. Nese sentido para Caballero é importante “minimizar os efectos colaterais”, exemplificando a baixada de volume do fío musical que xa se realizou nos últimos anos. A maiores sinalou que “non debe suceder que o aparcamento dunha comunidade de veciños permaneza pechada durante 3 ou 4 horas”, buscando “permitir a utilización practicamente normal do tráfico e de todos os garaxes da cidade”, sendo un tema que “trazaremos moi a fondo”.

Nesta primeira reunión a presidencia realizouna o propio alcalde, delegando esta función nas seguintes xuntanzas na primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, que estará acompañada do segundo tenente alcalde, Javier Pardo; a delegada da área de Seguridade, Patricia Rodríguez; o delegado da área de Festas Especiais, Ángel Rivas; a concelleira de Turismo, María Lago; a concelleira de Comercio, Ana Laura Iglesias; e a concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez.