O Congreso Concellos 2030 reúne en Carballo a máis de cen participantes dos ámbitos técnico, universitario e político no auditorio do Fórum Carballo.
Na súa primeira xornada, non só permitiu afondar no coñecemento da Estratexia 2030 europea, da nova Lei do ciclo da auga ou da tecnoloxía que permite prestar uns servizos moito máis sostibles, senón tamén no modelo que vén aplicando o Concello de Carballo nos últimos anos e que constitúe, a día de hoxe, un modelo de estratexia municipal de desenvolvemento sostible.
Técnicos e responsables políticos de distintos departamentos municipais explicaron os pasos que se veñen dando nos ámbitos do aforro enerxético, a mobilidade, a xestión de residuos e o ciclo integral da auga, tratanto de anticiparse ás necesidades da sociedade e tamén ás demandas e ás tendencias que vai marcando Europa. E para facilitar a visualización dese traballo, a xornada rematou cunha visita guiada a algunhas das instalacións e dos proxectos que sitúan a Carballo entre os pioneiros do desenvolvemento sostible en Galicia.