- A partir de agora a Policía Local participará no seguimento individualizado dos casos de violencia de xénero do municipio
O Concello de Muxía celebrou este martes a primeira reunión da Mesa de Coordinación Policial, tras o convenio asinado o pasado ano, co obxectivo de «facer fronte á violencia de xénero e poñer os datos recollidos enriba da mesa», sinalan desde o consistorio.
A esta xuntanza acudiron a Subdelegada de Goberno, Pilar López-Rioboo; o alcalde de Muxía, Iago Toba; a concelleira de Igualdade, Olalla Benlloch; a Xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno, Maribel Álvarez; o sarxento da Garda Civil en Muxía, Víctor José Álvarez; o garda encargado do seguimento dos casos VIOGEN en Muxía, Ángel Lodeiro e o responsable da Policía Local de Muxía, José Manuel Blanco.
Deste xeito, Muxía incorpórase ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero. A implantación deste sistema de traballo permitirá facer un seguimento individualizado dos casos do municipio e actuarase en función do nivel no que se clasifique a cada vítima. Na actualidade, o Concello sitúase en risco baixo/non apreciable en canto ao número de vítimas que sofren violencia de xénero no municipio. Tamén se viu reducido o número de casos con respecto ao ano pasado, pasando de nove a seis.
Tras a reunión tamén se celebrou a Xunta Local de Seguridade anual, na que se puxeron enriba da mesa os datos e se coordinou a seguridade de cara a tempada estival.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou “a gran coordinación policial que temos en Muxía, xa que é referente e clave para que o noso pobo sitúese en risco baixo», mentres que a Subdelegada de Goberno agradeceu “tanto ao Concello como a Policía, a disposición permanente e a implicación en materia de seguridade e violencia de xénero”.