A Laracha acolleu este venres a celebración dos actos de conmemoración do Día Mundial da Construción Sostible nos que o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) homenaxeou, en colaboración co Clúster Saúde de Galicia, o Centro de Urxencias da Laracha, obra de Ezcurra e Ouzande Arquitectas. Con este motivo, celebrouse unha mesa de debate sobre madeira e saúde e, ao seu termo, os asistentes puideron visitar, guiados polas arquitectas, a obra homenaxeada.
A mesa de debate contou na súa inauguración coa presidenta do CSG, Rocío Mosquera; o presidente do CMD, José Manuel Iglesias; o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.
No desenvolvemento da mesma, participaron o subdirector xeral de Obras e Investimentos do SERGAS, Jesús Álvarez; Beatriz Piñeiro, de Green Hospitals; Begoña Jiménez, de Timber Soul by Cándido Hermida; e as propias arquitectas da obra destacada, Ezcurra e Ouzande poñendo de manifesto o valor que o contacto coa natureza ten para o benestar físico e psíquico das persoas, así como o emprego de materiais naturais, como a madeira, na redución do estrés. A charla foi moderada polo presidente da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Roberto Costas.