O Concello de Carballo e o Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da UDC contaron coa colaboración do IES Parga Pondal, onde se desenvolveron dúas das tres sesións divulgativas para alumnado de 4º da ESO que ofrecerá o GRICA. Nas charlas, tituladas Cambio climático? Si, pero non así, Armand Hernández, investigador do departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña (UDC) e membro do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), abordou a realidade climática actual dende unha perspectiva rigorosamente científica e cun enfoque divulgativo pensado para o alumnado. O obxectivo principal foi desmontar ideas baseadas en opinións ou crenzas persoais e lembrar que o estudo do clima depende da análise conxunta de múltiples variables e de metodoloxías científicas contrastadas.
Durante as sesións tratáronse cuestións como o papel das placas tectónicas, os volcáns, as emisións de dióxido de carbono, o metano ou outros factores que inflúen na evolución climática. Os estudantes puideron comprobar que os datos observados en períodos curtos non sempre reflicten a tendencia global, e que só coa análise a longo prazo é posible entender que a temperatura media do planeta está a aumentar de maneira sostida.
O relator tamén explicou que isto non significa que non poida haber descensos puntuais de temperatura nalgúns lugares, pero que esas variacións non invalidan a tendencia xeral ao quentamento global.
Esta iniciativa, que pretende formar ao alumnado nun dos temas máis relevantes e decisivos do presente e do futuro, terá continuidade o 16 de xaneiro cunha xornada titulada Viaxe pola historia do clima da Terra, dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato.