O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou o acto de graduación do alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) que rematou a súa formación. Trátase dos 47 integrantes da oitava promoción do Diploma Superior e Xestión Hoteleira e 16 da quinta do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, 63 en total. Na súa intervención, destacou o prestixio acadado polo CSHG nos seus 27 anos de traxectoria cunha formación de excelencia e calidade.
O acto celebrouse con aforo limitado ao alumnado e 2 asistentes por cada un deles debido ás restricións da covid-19 e contou como padriño co fundador de Alda Hoteles, Alberto Rodríguez, Boo. Tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora do CSHG, Marta Fernández, e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López.
Co obxectivo de continuar a mellorar a competitividade e a calidade do sector, lembrou que no curso 2022-2023 a oferta académica do CSHG pasará a contar co Grado Dual de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira asinado xa este ano coa Universidade de Santiago.